en galegoen españolin english

FAEPAC - Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña

A Axencia

Pescudar no sitio

(Martes, 18 de outubro de 2011)

Xa están en marcha as subvencións do Inega, para aforro e eficiencia enerxética, no exercicio 2011.
Nesta convocatoria faise moito esforzo nas axudas para empresas de servizos enerxéticos.

Toda a información:
Subvencións Inega 2011

(Venres, 27 de febreiro de 2009)

A Consellaría de Innovación e Industria convoca axudas para a renovación de equipos individuais de gas en Galiza. Para tal fin, a Consellaría publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o convenio aberto de colaboración entre a dita consellaría e as entidades colaboradoras para que estas se poidan adherir a este plan.
O convenio establece un marco de colaboración entre a Consellaría e as empresas privadas do sector, para a promoción da substitución de caldeiras ou quentadores de gas de circuíto aberto, cunha antigüidade maior a dez anos por novos equipos individuais de gas de circuíto estanco, cun rendemento maior ao 90%. Para lograr a devandita promoción, arbítrase un programa de axudas para a adquisición de novos equipos por parte dos propietarios de vivendas. O papel das entidades colaboradoras resulta fundamental, pola súa experiencia no desenvolvemento deste tipo de actuacións e pola súa proximidade xeográfica aos consumidores.
A achega da Consellaría para este convenio ascenderá a un total de 200.000 euros. Entenderase como investimento subvencionable o custo do novo equipo e aqueles custos necesarios para a substitución do mesmo. No caso de edificios de vivendas no que a evacuación dos gases se realice a través dunha cheminea común, tamén se considerarán investimento subvencionable as modificacións que sexa necesario realizar na mesma, e a substitución ou instalación dunha cheminea adicional; sempre que se xustifique a necesidade de realizar as devanditas operacións. En todo caso, a axuda non superará o 30% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 1.000 euros.
As entidades colaboradoras terán como cometido a promoción da substitución dos equipos indicados.
Esta colaboración estenderase á comprobación inicial dos requisitos documentais dos solicitantes da axuda, á realización ante a Consellaría dos trámites para solicitar a mesma, ao desenvolvemento das accións vinculadas e á xustificación da axuda e a súa certificación perante a Consellaría. O prazo do proceso de adhesión comeza mañá mesmo e estará aberto durante toda a vixencia do convenio, mentres exista dispoñibilidade orzamentaria e poderán adherirse todas aquelas entidades que o soliciten e reúnan tódolos requisitos precisos.
No tocante aos beneficiarios, poderán obter estas axudas os propietarios de vivendas situadas en Galiza e que tramiten a solicitude a través de calquera das entidades colaboradoras do presente convenio. As entidades colaboradoras presentarán para cada proxecto unha solicitude de aprobación previa ante a Consellaría e, unha vez que conten con ela, desenvolverán cada proxecto conxuntamente co beneficiario.

pódese descargar a disposición completa, clicando no seguinte enlace: DOG 27/02/2009

(Venres, 27 de febreiro de 2009)

No DOG do 27/02/2009 publícase a orde de subvencións para a renovación e mellora de instalacións en casa habitadas, construídas antes de 1989.

Pódense solicitar tanto por particulares, coma por comunidades de veciños

As coantías da subvención máximas para vivendas unifamiliares está en 1.000 €. No caso de edificios o mínimo é de 1.150 € é o máximo dependerá do número de veciños do mesmo.

O prazo para solicitalas remata o vindeiro 27 de marzo.

No seguinte enlace podedes descarga-la disposición compreta. Dog 27/02/2009

(Mércores, 10 de setembro de 2008)

O departamento de Fernando Blanco convoca máis de 15 millóns de euros en axudas destinadas a empresas, particulares e Administracións locais.
Santiago de Compostela, 9 de Setembro de 2008. O Diario Oficial de Galicia publicou onte as bases da convocatoria das subvencións e axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e proxectos de enerxías renovábeis en Galiza correspondentes ao presente ano 2008. A Consellaría de Innovación e Industria destina máis de 15 millóns de euros a orzar as liñas de axuda, que son tramitadas integramente polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e foron convocadas nunha única resolución a través do DOG.

Aforro e eficiencia enerxética

O programa de aforro e eficiencia enerxética da Consellaría de Innovación para 2008 pretende ampliar as subvencións tanto en número de beneficiarios coma no obxecto das axudas. A contía neste concepto varía entre porcentaxes do 10% e do 75% do importe total do investimento e, igual que o ano pasado, procúrase que a tramitación das axudas sexa o máis áxil posible, para o que se dispón da opción de tramitalas por medio da web do INEGA (www.inega.es/axudas2008).

Con 9,8 millóns de euros, Innovación e Industria apoiará proxectos de aforro e eficiencia e auditorías enerxéticas en industrias localizadas en Galiza, así como en empresas do sector servizos; plans de mobilidade urbana sostíbel en concellos e plans de transporte para empresas en centros de traballo. No referido á edificación, poderán recibir subvención persoas e empresas que desenvolvan proxectos de rehabilitación envolvente térmica, de mellora de instalacións térmicas e do alumeado interior das súas vivendas e instalacións así como novas instalacións térmicas de alta eficiencia.

Tamén dentro do programa de aforro e eficiencia, contémplanse axudas para proxectos de coxeración, neste caso para auditorías, estudos de viabilidade e proxectos de coxeración non industrial en empresas do sector servizos. Pola súa parte, os concellos poderán conseguir apoios de ata o 40% para proxectos de renovación do alumeado público e para novas instalacións que sigan criterios de eficiencia enerxética.


Enerxías renovábeis

O outro grupo de axudas é o que ten por obxecto as enerxías renovábeis. A dotación presupostaria que presenta o pulo á solar, á biomasa e ás outras renovábeis chega este ano a 5,35 millóns de euros. Os maiores importes dentro destas axudas son os destinados á implantación de solar térmica (2,2 millóns de euros) e a biomasa (2,49 millóns).

A solar térmica contará con axudas para a súa instalación nos casos nos que non sexa de execución obrigada por mor do novo Código Técnico da Edificación. Tanto as administracións públicas coma os particulares e empresas acadarán un 35% de axuda do investimento neste tipo de instalacións. No caso da enerxía solar fotovoltaica, subvencionaranse ata un 15% dos proxectos cando se contemple a súa conexión á rede, e de ata o 40% cando sexan instalacións illadas. Para outro tipo de renovábeis, como aeroxeradores de baixa potencia para autoconsumo ou microturbinas, a subvención tamén pode chegar ao 40% de axuda cun límite máximo de 10.000 euros.

As caldeiras de biomasa, pola súa banda, contarán co 30% de axuda, ben sexan para uso doméstico, agrario ou industrial. En canto á xeración de calor e electricidade mediante procesos de gasificación de biogás, a axuda será do 15% cun máximo de 120.000 euros por proxecto, sempre e cando a potencia sexa inferior a 500 kW.

Os dous grupos de axudas convocados hoxe, presentados xa polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, redundarán nun maior emprego das enerxías renovábeis e nun maior aforro e eficiencia enerxética, obxectivos encadrados no Plan Enerxético 2007-2012 elaborado pola Consellaría, dentro da Estratexia Energos. Consonte os obxectivos desta estratexia, as liñas de axuda de aforro, eficiencia e renovábeis contribuirán a conseguir que o 95% da enerxía eléctrica consumida en Galiza proveña de fontes renovábeis, reducíndose do 3% ao 2% a taxa de incremento da demanda do noso país.

Ode publicada no DOG

descargar orde de subvención

Acceso aos documentos da subvención:
Axudas Inega

(Xoves, 6 de marzo de 2008)

O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) na súa reunión do 28 de decembro, acordou a aprobación das bases reguladoras destas axudas.
Son tres liñas de finanzamento diferenciadas:

Liña Microempresas, dotada con ata 20 millóns de euros, para apoiar o financiamento de proxectos impulsados por microempresas. Os préstamos, de ata 25.000 euros e a un xuro resultante de sumarlle ao euríbor 0,20 puntos porcentuais, poden financiar o 100% dos investimentos promovidos polas sociedades con menos de 10 traballadores. O prazo de amortización previsto é de 5 anos.

A Liña Peme Xove, para empresas novas ou con menos de dous anos de actividade, estará dotada de 10 millóns de euros. Os préstamos, de 25.000 a 120.000 euros e a un xuro igual ao euríbor+0,40 puntos, poden financiar ata o 90% dos investimentos dos emprendedores. O prazo de amortización destes préstamos, o mesmo que rexe para os concedidos ao abeiro da liña Peme Competitividade, pode oscilar entre 5 e 7 anos.

Finalmente, a Liña Peme Competitiva está dotada con outros 10 millóns de euros. Os préstamos, tamén entre 25.000 e 120.000 euros e a xuro euríbor+0,40, poden financiar ata o 75% dos investimentos promovidos por pemes con máis de dous anos de antigüidade que impulsen investimentos destinados a mellorar a súa competitividade. Preferentemente, poderán acollerse a esta liña empresas beneficiarias de anteriores liñas de microcréditos.

Estas liñas, contan coa colaboración dunha vintena de entidades financeiras, e as dúas sociedades de garantía recíproca galegas.

Máis información:
IGAPE

Publicación do DOG 6/06/2008
Igape_Finanzamento_Emprendedores

(Venres, 28 de setembro de 2007)

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2007. A Consellaría de Innovación e Industria convoca axudas para a renovación de equipos individuais de gas en Galiza. Para tal fin, a Consellaría publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o convenio aberto de colaboración entre a dita consellaría e as entidades colaboradoras para que estas se poidan adherir a este plan.
O convenio establece un marco de colaboración entre a Consellaría e as empresas privadas do sector, para a promoción da substitución de caldeiras ou quentadores de gas de circuíto aberto, cunha antigüidade maior a dez anos por novos equipos individuais de gas de circuíto estanco, cun rendemento maior ao 90%. Para lograr a devandita promoción, arbítrase un programa de axudas para a adquisición de novos equipos por parte dos propietarios de vivendas. O papel das entidades colaboradoras resulta fundamental, pola súa experiencia no desenvolvemento deste tipo de actuacións e pola súa proximidade xeográfica aos consumidores.
A achega da Consellaría para este convenio ascenderá a un total de 149.000 euros. Entenderase como investimento subvencionable o custo do novo equipo e aqueles custos necesarios para a substitución do mesmo. No caso de edificios de vivendas no que a evacuación dos gases se realice a través dunha cheminea común, tamén se considerarán investimento subvencionable as modificacións que sexa necesario realizar na mesma, e a substitución ou instalación dunha cheminea adicional; sempre que se xustifique a necesidade de realizar as devanditas operacións. En todo caso, a axuda non superará o 30% do investimento subvencionable, cun límite máximo de 1.000 euros.
As entidades colaboradoras terán como cometido a promoción da substitución dos equipos indicados.
Esta colaboración estenderase á comprobación inicial dos requisitos documentais dos solicitantes da axuda, á realización ante a Consellaría dos trámites para solicitar a mesma, ao desenvolvemento das accións vinculadas e á xustificación da axuda e a súa certificación perante a Consellaría. O prazo do proceso de adhesión comeza mañá mesmo e estará aberto durante toda a vixencia do convenio, mentres exista dispoñibilidade orzamentaria e poderán adherirse todas aquelas entidades que o soliciten e reúnan tódolos requisitos precisos.
No tocante aos beneficiarios, poderán obter estas axudas os propietarios de vivendas situadas en Galiza e que tramiten a solicitude a través de calquera das entidades colaboradoras do presente convenio. As entidades colaboradoras presentarán para cada proxecto unha solicitude de aprobación previa ante a Consellaría e, unha vez que conten con ela, desenvolverán cada proxecto conxuntamente co beneficiario.

Podes descarga-la disposición legal aquí:
AXUDAS CAMBIO CALDEIRAS

(Venres, 29 de xuño de 2007)

«O prazo de presentación de solicitudes de subvencións comezará a contar o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e finalizará o día 15 de xullo de 2007».


DOG, 28 de xuño de 2007

(Venres, 29 de xuño de 2007)

"A data límite para presentar a documentación xustificativa dos investimentos realizados por derivarse así, con carácter imperativo, dos convenios subscritos co IDAE, é o día 31 de agosto de 2007".


DOG 27 de xuño de 2007

(Mércores, 2 de maio de 2007)

A consellería de inovación e industria, ven de publica-las axudas para as melloras de instalacións eléctricas domésticas.

Estas axudas van orientadas, tanto a particulares,como a comunidades de veciños, cuxas instalación estivesen construídas, antes do 1 de xaneiro de 1975.

Poderanse solicitar dende o 4 de maio, ata o 2 de xuño, nas delegacións da consellería de industria.

O importe das subencións vai dende os 1000 € máximo para particulares, ata 125 € por veciño, no caso de comunidades,

Máis informaión, na publicación do DOG:
descargar documento

 


© FAEPAC - Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña
Enderezo: Casa da Enerxía, Rúa Alcalde José Vilaboy Pajón, s/n. 15320 As Pontes (A Coruña)
Teléfono (+34) 981 102 111 - correo electrónico: info@faepac.org
Exención de responsabilidade: O contido deste sitio só compromete ao seu autor e non reflexa necesariamente a opinión das Comunidades Europeas. A Comisión Europea non é responsábel da utilización que se poida dar á información que figura no mesmo. MÁIS INFORMACIÓN